Axudas PREDOC da Xunta de Galicia

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) abre un período para a recepción de candidaturas de cara á presentación de propostas á convocatoria de axudas para persoal predoutural da Xunta de Galicia. Os requisitos básicos da convocatoria son:

  • Ter finalizado os estudos (grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría) despois do 01/01/2017 (con excepcións 01/01/2014)
  • Estar matriculado ou matriculada nunha universidade galega nun programa de doutoramento no curso 2020-2021.
  • Contar cun expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7 (ou a 6 para arquitectura e enxeñaría)
  • Presentar un proxecto de traballo de investigación conxuntamente entre a persoa candidata e un/unha supervisor/a.

Se cumpres os tres primeiros requisitos, na MBG-CSIC ofrecémosche 3 proxectos de investigación para iniciar a túa carreira investigadora.

MISIÓN DA MBG-CSIC

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) é un dos 120 centros de investigación pertencentes ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a maior institución pública de investigación en España e a terceira de Europa.

A MBG-CSIC ten por finalidade o aumento da sostibilidade dos cultivos agroforestais a través de actividades de investigación que impliquen a mellora xenética dos mesmos, por exemplo, procurando unha maior tolerancia a estreses bióticos e abióticos.

DATA LÍMITE DE RECEPCIÓN DE CANDIDATURAS

Se cumpres cos requisitos da convocatoria e tes interese nalgún dos proxectos que a MBG-CSIC ofrece, envía un correo electrónico ao supervisor ou supervisora do proxecto co teu nome, CV e datos de contacto. No caso de necesitar información adicional, contacta con se.cisc@noep.ordep. A data final de recepción de candidaturas será o

22 de Febreiro ás 12:00h

APOIO NO PROCESO DE SOLICITUDE

O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de marzo, polo que o persoal investigador da MBG-CSIC e a persoa candidata seleccionada disporán dunha semana para afondar na definición do proxecto de investigación. Ao mesmo tempo, o equipo de xestores da MBG-CSIC prestará apoio no proceso de solicitude da axuda, particularmente na preparación administrativa da proposta así como na súa presentación.


PROXECTOS OFRECIDOS POLA MBG-CSIC

Mellora xenética da xudía a través da variación no tempo de floración

Supervisora: Marta Santalla | Grupo: Xenética do Desenvolvemento de Plantas (DEVOLEG)

Entre as especies de plantas cultivadas, as leguminosas representan unha importante fonte de alimento, e en concreto a xudía común é esencial na dieta humana. A fenoloxía da xudía común é excepcionalmente flexible, onde os eventos como o tempo de floración presentan oportunidades significativas para mellorar a adaptación desta especie a unha ampla variedade de contornas. O fotoperíodo afecta tamén a outros trazos vexetativos e reprodutivos como son o hábito de crecemento, a ramificación, a morfoloxía das follas, a arquitectura floral e a maduración das vainas.

Neste proxecto estudarase como interactúan o medio ambiente e a xenética na afectación á variación do tempo de floración e como estas interaccións se poden explotar para a mellora xenética en xudía común. Para probar esta hipótese utilizaranse materiais xenéticos precisos e paneis de ampla diversidade de xermoplasma que varían no tempo de floración. Así mesmo, someteranse a análises xenómicas e caracterización de xenes clave do tempo de floración. Estes estudaranse a nivel molecular (análise xenómica), morfolóxico (disección de meristemo) e agronómico (compoñentes de floración e arquitectura da planta). Finalmente, o coñecemento utilizarase para desenvolver e fornecer aos produtores unha mellor gama de variedades de xudía de alto rendemento e adaptadas a diferentes ambientes, o que axudará a expandir a produción de xudía e mellorar a súa rendibilidade.

Contacto: se.cisc.gbm@allatnasm | Máis información: DEVOLEG


Análise dos metabolitos secundarios na defensa da planta a estreses

Supervisora: Elena Cartea | Grupo: Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas.

O obxectivo da tese é comprender o papel dos metabolitos secundarios na defensa da planta a estreses bióticos e abióticos. Este é un tema de especial relevancia debido ao contexto de cambio climático ao cal se ven sometidos os cultivos na actualidade. Neste proxecto continuaremos co estudo da interacción planta-hervíboro e planta-patóxeno en diferentes cultivos hortícolas de brásicas desde distintos puntos de vista, estudando a resposta inducida a pragas, a relación entre a presenza de patóxenos e parámetros fisiolóxicos e mediante o uso da metabolómica non dirixida, identificando metabolitos implicados na resistencia. Ademais, avaliaranse os mecanismos e procesos metabólicos implicados na resposta da planta a estrés por baixas temperaturas. Dentro deste obxectivo xeral concrétanse os dous temas seguintes:

  • Tema 1: Mecanismos de defensa das plantas de brásicas na interacción planta-herbívoro: papel dos metabolitos secundarios na defensa vexetal.
  • Tema 2: Estudos da resposta a estrés por frío en plantas de brásicas: papel dos metabolitos secundarios implicados.

Trátase dun proxecto de tese cun enfoque multidisciplinar onde o doutorando ou doutoranda poderá desenvolver coñecementos e investigacións en diferentes ámbitos, así como as aprendizaxe de técnicas relacionadas coa mellora xenética de plantas, bioquímica e metabolómica.

Contacto: se.cisc.gbm@aetrace | Máis información: Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas


Análise da insularidade na evolución da interacción planta-herbívoro

Supervisor: Xoaquín Moreira | Grupo: Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta – Herbívoro

A teoría sobre efectos da insularidade na evolución das interaccións planta-herbívoro predí que as barreiras mariñas e o illamento reducen a abundancia e diversidade de herbívoros en sistemas insulares, o cal implica unha menor por herbivoría sobre plantas insulares en comparación ás plantas no continente. Como consecuencia, e asumindo que as defensas son custosas de producir para as plantas, esperaríase que niveis menores de herbivoría resulten nunha perda ou redución nas defensas producidas polas plantas insulares. Neste sentido, e acorde con estas predicións, algúns traballos iniciais reportaron menores niveis de defensas en plantas insulares que en plantas continentais, e tal patrón discutiuse mais non se avaliou empiricamente.

Non obstante, avaliacións empíricas máis recentes (incluída unha meta-análise do noso grupo) mostraron resultados inconsistentes ou mesmo opostos ao esperado. Estes resultados desafían a teoría e fan unha chamada a realizar estudos a escalas espaciais maiores que inclúan múltiples sistemas insulares e diferentes tipos de comunidades. Por tanto, o obxectivo central desta tese é levar a cabo un esforzo global para comparar sistematicamente e a escala global a herbivoría e as defensas de plantas en illas e os seus parentes continentais, abranguendo sistemas insulares a latitudes temperadas e tropicais, así como unha grande variedade de especies e comunidades vexetais. Este esforzo ademais avaliará a influencia de características físicas e históricas de cada sistema insular (e.g. distancia de illas ao continente e tamaño, orixe e idade xeolóxica), características das especies de plantas (e.g. forma de vida, fenoloxía foliar), tipo de defensas (e.g. físicas ou químicas, directas ou indirectas) e tipo de herbívoro (e.g. vertebrado ou invertebrado), o tipo de comunidade vexetal (duna, matogueiras, bosque), e tamén factores abióticos (e.g. variables climáticas e do solo).

Contacto: se.cisc.gbm@arieromx | Máis información: Plant Herbivory Interactions