Día Internacional da muller e da nena na Ciencia
As actividades da MBG-CSIC para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia contan este ano co apoio da Deputación de Pontevedra e están centradas en facer visible a actividade das investigadoras que traballan no centro de investigación.

VISITAS Á MBG-CSIC
As actividades da MBG-CSIC comezan coa visita dos alumnos e alumnas do Ciclo de FP de Xardinaría e Viveirismo do CEE Príncipe Felipe o día 8 de febreiro.
O día 10 será a quenda do alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP San Bieito de Lérez.
As visitas estarán guiadas por investigadoras da MBG-CSIC e nelas realizaranse diversos talleres, entre os cales, Facer pipocas con variedades locais de millo ou Preparación de sementes de Brásicas para almacenar no Banco de Xermoplasma, concursos como Biomisión: a cociñar tesouros, e Qué sabes do Día da Muller e a Nena na Ciencia?
VISITAS DA MBG-CSIC
Xa na semana do 13 ao 17 de febreiro, investigadoras dos grupos de:
- Biotecnoloxía de Especies Leñosas
- Xenética e Mellora de Millo
- Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas
- Xenética e Ecoloxía Forestal
- Bioloxía de Agrosistemas
- Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro
Visitarán varios centros de ensino da provincia de Pontevedra para dar a coñecer o seu labor ao alumnado de Primaria dos CEIP Manuel Vidal Portela, Vilaverde e Cabanas de Pontevedra; Mosteiro-Meis de Meis e Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior.
Estas actividades contan co apoio da Deputación de Pontevedra para dar visibilidade ás actividades e resultados de investigación da MBG-CSIC entre a sociedade galega e, particularmente, a pontevedresa.