A MBG-CSIC conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa campaña #somosmaioría e actividades de divulgación

#somosmaioría: o persoal da MBG-CSIC está composto maioritariamente por mulleres

O próximo 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e para celebralo, a Misión Biolóxica de Galicia–CSIC (MBG-CSIC) está a desenvover a campaña #somosmaioría nas redes. Unha campaña que se complementa con múltiples actividades de divulgación mediante as cales quere promover o interese das mulleres e das nenas da comarca de Pontevedra na ciencia e nas actividades investigadoras.

A MBG-CSIC, un centro de referencia nas investigacións en ciencias agrarias e forestais no estado Español, está composto maioritariamente por mulleres: investigadoras, técnicas especialistas, axudantes de laboratorio, traballadoras de finca son maioría na MBG-CSIC. Un feito particularmente relevante se lle engadimos que varios dos postos de maior responsabilidade –dirección, xerencia, unha xefatura de departamento e as responsables de catro grupos de investigación dos nove que compoñen a MBG-CSIC– son ocupados por mulleres.

Así, coa finalidade de visibilizar a posición da muller no ámbito científico e investigador, a Misión Biolóxica de Galicia pon en marcha a campaña #somosmaioría. Unha campaña que se desenvolverá ao longo da próxima semana con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Ademáis da campaña, a MBG-CSIC vai realizar unha serie de actividades para conmemorar o Día Internacional. Deste xeito, varias investigadoras e persoal de investigación (que é como se denomina a todo o persoal de apoio e soporte ás tarefas investigadoras e que inclúe técnicas especialistas, técnicas de laboratorio, axudantes e persoal de fina), visitarán varios colexios de educación primaria da comarca de Pontevedra para daren a coñecer aos nenos e nenas os seus traballos relacionados coa investigación científica nas áreas das ciencias agrarias e forestais (en concreto visitaranse os CEIPs Cabanas, San Martiño e Vilaverde en Pontevedra, e Manuel Padín Truiteiro en Soutomarior). A conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia finalizará o propio día 11 de febreiro cunha charla no Pazo de Salcedo, sede da MBG-CSIC, co título “A muller na investigación: obstáculos e desafíos” e que contará coa participación de Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, Elena Cartea, directora da MBG-CSIC, Carmen Martínez investigadora do Grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa, María Díaz, estudante predoutoral no Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas e Ana Carballeda, axudante de investigación no Grupo de Bioquímica e Fisioloxía de Cultivos.

Un dos obxectivos da MBG-CSIC é o de dar a coñecer o traballo tanto das mulleres investigadoras como daquelas que conforman o persoal de investigación e que desempeñan un labor fundamental para poder desenvolver unha investigación científica de calidade. O outro dos obxectivos é que as nenas se interesen pola ciencia e pola investigación, particularmente nas ramas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas polas súas siglas en Inglés) onde a súa presenza é menor con respecto aos rapaces.

A continuación presentámosvos algunhas das mulleres que participarán nas actividades da MBG-CSIC para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Lucía Martín Cacheda

Son Lucía Martín Cacheda, estudante predoutoral no Grupo de Ecoloxía Evolutiva das interaccións planta-herbívoro. Céntrome en estudar a especificidade na comunicación entre plantas de pataca, co obxectivo final de reducir o uso de pesticidas nos cultivos agrícolas de dita especie. Concretamente, estou a investigar sobre como as plantas transmiten información a través de compostos orgánicos volátiles (coñecidos como VOCs). Neste proceso, unha planta que sufre un dano, coma os efectos dunha praga, emite información (emisora) sobre o que lle está a acontecer, e esta información (en forma de VOCs) é recibida por unha planta veciña (receptora) que prepara o seu sistema inmune para responder con máis forza ante o perigo que se achega. Coñecer máis a fondo este proceso permitiría empregar os VOCs de maneira artificial coma unha especie de “vacina”, diminuíndo así o uso de pesticidas que afectan negativamente ao medioambiente.

Noemi Gesteiro

O meu nome é Noemi Gesteiro e son estudante predoutoral entre o Grupo de Xenética e Mellora de Millo e o Grupo de Bioquímica e Fisioloxía de Cultivos (BIOFIC). Estou especializada na mellora da cantidade e calidade do residuo lignocelulósico do millo orientado á produción de bioetanol. Trátase dun tema de especial relevancia debido ao interese por utilizar combustibles alternativos que reduzan as emisións de CO2 e que non comprometan a seguridade alimentaria. Sen embargo, é probable que esta mellora poida ter un efecto indirecto desfavorable sobre a resistencia do millo aos trades (taladros), principal praga nas zonas cálidas. Neste contexto, a miña investigación pretende avanzar na obtención de variedades de dobre aproveitamento, que poidan utilizarse para a produción de combustibles líquidos sen afectar á susceptibilidade da herbivoría, a fin de contribuír a unha agricultura máis sostible.

Ana Isabel Carballeda Pardal

Ola, son axudante de investigación no Grupo de Bioquímica e Fisioloxía de Cultivos (BIOFIC). No grupo tratan de comprender as respostas relacionadas co estrés ambiental nas plantas, xa que é fundamental para desenvolver cultivos que poidan adaptarse mellor ás condicións futuras ligadas ao cambio climático. Utilizando o millo como especie modelo de cereais identifican mecanismos bioquímicos e fisiolóxicos de adaptación, así como sobre os distintos aproveitamentos do cultivo, entre eles a produción de bioetanol. Con isto contribúese ao desenvolvemento dunha agricultura mais sostible.

O meu labor é fundamental, xa que consiste no procesamento das mostras mediante diferentes análises químicas estandarizadas, permitindo estudar, por exemplo, a composición das paredes celulares vexetais en profundidade. Ademais, encárgome da xestión e da organización do laboratorio, así como de axudar coa formación dos estudantes de prácticas, de grado e doutorandos e doutorandas que realizan estancias no centro.

Elena Zubiaurre

Chámome Elena Zubiaurre e traballo como técnico de investigación no grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR). Encárgome do mantemento da colección de variedades e clons de vide da Misión Biolóxica de Galicia. As miñas tarefas no laboratorio consisten na caracterización ampelográfica, agronómica, molecular e histolóxica das distintas variedades e tamén, no estudo das principais enfermidades fúnxicas que atacan á vide e os mecanismos de defensa da planta fronte ás mesmas utilizando diferentes técnicas de laboratorio (químicas, moleculares, análises de imaxe, microscopía, etc.). Presto apoio técnico na recuperación e caracterización da Oliveira autóctona galega e recentemente (desde 2017) sumeime ao novo reto que supuxo a incursión do grupo de investigación VIOR no mundo da Rosa cultivada antiga para perfumaría.

Beatriz Lago

Ola, son Bea Lago e son axudante de investigación da MB no Grupo de ECO-EVO que se centra no estudo dos procesos ecolóxico-evolutivos que afectan as interacción planta-herbívoro, en predicir como o cambio climático influirá nestas interaccións e en procurar estratexias de manexo en sistemas agroforestales.

As miñas tarefas como técnico de apoio á investigación son a recollida, procesado e análise das distintas mostras coas que traballamos; saídas de campo para a toma de datos; apoiar os distintos ensaios que realiza o grupo nos invernadoiros e a cría de insectos para ditos ensaios.

Son a responsable do laboratorio do noso grupo e tamén me encargo de que teñamos o material necesario para a realización dos ensaios e das análises pertinentes en cada momento, así como da recollida de datos climatolóxicos que diariamente facemos na MBG desde 1934.

Carmen Vega Álvarez

Ola, son estudante predoutoral no Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas. Estudo as estratexias de defensa dos cultivos de brásicas (repolo, verza, brócoli, coliflor…) fronte á infección bacteriana coñecida como “podremia negra”, causada por Xanthomonas campestris pv. campestris. Os estudios apuntan a que as plantas capaces de resistir á enfermidade toman distintas estratexias, como impedir que as bacterias accedan aos azucres libres para que a poboación bacteriana non poida aumentar, e sintetizar compostos defensivos como os compostos fenólicos e os glucosinolatos, que son metabolitos defensivos moi importantes, xa que o seu consumo é beneficioso para a saúde humana.

Entender os mecanismos subxacentes á inmunidade das plantas e o custo enerxético asociado á activación das defensas serviría de axuda para deseñar estratexias que melloren a resistencia, e así facer fronte á propagación de enfermidades.